Parque Rosalía de Castro, Lugo (Parte 1:Relevo)

Parque Rosalía de Castro, Lugo (Parte 1:Relevo)

Armesto
Por fóra da Ronda da Muralla, entre as portas de Santiago e a do Bispo Aguirre, abriuse a mediados do século pasado a Cidade Xardín, cun modelo de expansión ordenado ao redor desta zona verde creada anteriormente no ano 1925 co nome de Afonso XII. Na actualidade mantén o aire de boa acomodación urbanística que xunto ás vistas panorámicas son algúns dos seus principais atractivos. Trátase dun parque moi humanizado, polo menos na parte principal, duns 23.000 m2. Goza dun quiosco da música, recinto infantil e numerosos bancos. Os corredores principais crúzanse nun gran espazo central presidido por unha fonte rodeada de roseiras. En xeral, sobre a estrutura xeométrica predomina a capa arbórea con especies de sombra e outras de gran porte entre as que salientan os abetos. Outras fontes refrescan o ambiente e existe ademais un estanque lineal de aves acuáticas. Podemos atopar tamén un rechamante pombal aproveitado para acoller unha maqueta que reproduce a gran escala o mapa físico en releve da península ibérica. Orientado cara ao oeste sitúase o miradoiro con forma de balconada sobre a que se abre a escalinata centrada e unha fermosa pérgola na esquina esquerda. O escenario lixeiramente elevado sobre o val do Miño permite darse unha conta cabal da paisaxe luguesa e da cidade mesma. O parque prolóngase pola aba do monte por medio do paseo denominado vila de Foz, moi concorrido igual que toda a zona durante as populares festas do San Froilán. #aarmesto #lugo #parque #rosalía_de_castro
Default Title